Thursday 02 de May de 2024

O Planetario da Casa das Ciencias e o Aquarium Finisterrae acollerán actos de homenaxe á figura de Rosalía de Castro desde este sábado


O acuario acollerá, se as condicións meterolóxicas así o permiten, unha sesión de observación astronómica na terraza exterior para recoñecer as estrelas e constelacións máis típicas desta época do ano

O Concello da Coruña, a través da Casa das Ciencias e o Aquarium Finisterrae, instalacións pertencentes ao servizo municipal de Museos Científicos, impulsará desde esta fin de semana unha serie de actos en homenaxe á figura da escritora galega Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837), coincidindo co Día de Rosalía de Castro que se conmemora cada 23 de febreiro, a data de nacemento da poeta.

Neste sentido, e durante toda a semana, a Casa das Ciencias adicará uns minutos en todas as súas sesións do Planetario, entre os días 19 e 27 de febreiro, a ensinar aos asistentes a situar no ceo a estrela que leva o nome da escritora galega, encadrada nos anos do Rexurdimento e autora de recoñecidas obras como Cantares gallegos, Follas novas e En las orillas del Sar.

Ademais, durante as sesións previstas no Planetario da Casa das Ciencias repartirase entre os asistentes un planisferio dos dous hemisferios, norte e sur, coas constelacións en galego.

O planisferio está editado pola Agrupación Astronómica Ío.
Por outra banda, e tamén en colaboración coa Agrupación Astronómica Ío, o Concello da Coruña programou unha sesión de observación astronómica na terraza exterior do Aquarium Finisterrae, co obxectivo de que o público asistente aprenda a recoñecer as estrelas e constelacións máis típicas desta época do ano. Inicialmente, está previsto que a sesión se leve a cabo o venres 25 de febreiro, se as condicións meteorolóxicas así o permiten. Por iso, a confirmación da data final de celebración notificarase nos vindeiros días.